luns, 9 de maio de 2022

O NOSO HORTO SEGUE MEDRANDO

Comezamos o proceso de plantación tanto nos vellos como nos novos bancais.

Temos de todo, leitugas, cebolas, tomates, cabaciñas...

Non esquecemos que a rega é imprescindible para axudar a medrar as nosas plantas.

Ademais imos colocar carteis preparados por nós en francés, posto que a idea do horto partíu dese departamento, que segue a ser o encargado de documentar o proceso.






martes, 5 de abril de 2022

OBRADOIRO TI SI QUE ES UN BO PEIXE- PARTE 2: VISITA AO PORTA E LONXA E Á DEPURADORA DE FERROL

O noso alumnado de 1º de ESO, realizou unha visita a Ferrol, que comezou no PORTO, facendo un percorrido para coñecer as embarcacións e as artes de pesca.

Achegámonos ao edificio da LONXA, onde vimos como é o proceso de clasificación, pesado e poxa do peixe e aprendemos a importancia da etiqueta para os produtos da pesca. No mesmo edificio, estaba a pequena DEPURADORA da Confraría, onde observamos o proceso de depuración dos moluscos bivalvos.

Continuamos o noso percorrido ata o MERCADO DA MAGDALENA, onde contemplamos a fachada de “La Pescadería”, edificio de estilo modernista,  obra do arquitecto Rodolfo Ucha que data de 1910. No seu interior atopamos unha gran variedade de peixes e mariscos nos diferentes postos, identificando as especies e falando coas/os praceiras/os para que nos informaran dos prezos, da forma de preparar o peixe e da frescura.

Ao remate entregáronnos a cada participante unha bolsiña con merendas realizadas a base de peixe, a sobremesa e auga.

Esta actividade é complementaria ao Plan Proxecta de Hábitos de Vida Saudables.





luns, 4 de abril de 2022

OBRADOIRO TI SI QUE ES UN BO PEIXE- PARTE 1


Un ano máis contamos coa colaboración de Marexada e a Consellería do Mar para recordarnos a importancia de comer peixe en conserva.


xoves, 24 de marzo de 2022

PARTICIPACIÓN NO PROGRAMA LEITE E FROITA FRESCA

Como xa vos contamos, este curso retomamos os almorzos saudables, pero ademais participamos no Programa Leite e Froita fresca coa colaboración da Unión Europea e o FOGGA (Fondo Galego de Garantía Agraria).

Durante dous periodos dun mes cada un, estivemos consumindo leite fresco da granxa Romero de San Sadurniño (Leite Bohal), un leite fresco de calidade, galego, de cercanía e certificado.




Ademais, contamos tamén co suministro de froita fresca durante dous periodos de 15 días cada un. Neste caso escollemos como suministradora a unha froitería tamén local, Mari Carmen Ledo, que nos serve unha froita de moita calidade e sabor.



luns, 21 de marzo de 2022

OBRADOIRO: FAI CLIC AO TEU BOCATA

Todo o alumnado de ESO participou no obradoiro FAI CLIC AO TEU BOCATA, unha actividade complementaria do Programa Aliméntate Ben. Nel, aprenderon outra maneira de facer bocatas de xeito SAUDABLE con produtos do MAR.

Dende a sociedade galega estase a percibir con fonda preocupación o escaso interese que os nenos e nenas da nosa comunidade demostran polo consumo de peixe. A Consellería do Mar, consciente desa realidade, deseña actuacións que perseguen, entre outros obxectivos, o de incidir e equilibrar as dietas alimenticias, fundamentalmente nas idades infantil e xuvenil, así como valorizar e fomentar os produtos da pesca e a acuicultura de Galicia.

O obradoiro contempla actividades informativas e, sobre de todo, unha actividade de elaboración de bocatas a base de conservas.


mércores, 19 de xaneiro de 2022

1 KM DIARIO

Neste centro temos claro que non chega só con comer ben. O exercicio é fundamental!!!

Deixámosvos unha mostra das andainas que realizamos polas inmediacións do centro e polo lago.

martes, 18 de xaneiro de 2022

NO CASTRO DA UZ TEMOS COMPOSTEIRO

Neste curso como novidade contamos cun composteiro na parte traseira do centro. Trátase do noso colector no que introducimos os residuos orgánicos.

luns, 13 de decembro de 2021

AMPLIAMOS AS ZONAS DO NOSO HORTO URBANO


Como xa saberedes, o horto urbano quedábasenos pequeno, polo que decidimos amplialo da man de expertos como Patricia de Francés, Ángel, Soto, Cris de Informática e todas aquelas persoas que se brindaron, incluido o alumnado de ESO!

Deixámosvos unha mostra dos nosos pequenos avances...




luns, 8 de novembro de 2021

CONSOLIDAMOS O HÁBITO DOS ALMORZOS SAUDABLES

Por suposto este curso non  esquecemos que unha boa alimentación é imprescindible para medrar sans.

Por iso retomamos os Almorzos Saudables: Pan artesán, aceite de oliva virxe extra, froita, batidos de froita e leite fresco..., no que contamos coa colaboración de alumnado tanto de ESO como de Ciclos.

Todo un éxito!!!






venres, 8 de outubro de 2021

XORNADAS DEPORTIVAS: INICIACIÓN E PERFECCIONAMENTO AO SURF

Marabillosa xornada de SURF a que tivemos na Praia de Chanteiro co alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º de ESO.

Orgullosos dos nosos nenos e nenas que aproveitaron o día gozando deste fermoso deporte.


 En Xuño repetimos!!!


xoves, 30 de setembro de 2021

OBRADOIRO: "TI SI QUE É UN BO PEIXE" EXCURSIÓN VIRTUAL

 Todo o alumnado de 1º e 2º de ESO participou nunha excursión virtual incluída dentro do programa “TI SI QUE É UN BO PEIXE" da Consellería do Mar

Nesta actividade, que é complementaria ao Plan Proxecta de Hábitos de Vida Saudables,  familiarizáronse  co mundo do MAR coas seguintes actividades:

  • Visionado dun vídeo con gafas 3D
  • O marisqueo/Recoñecementos dos bivalvos expostos. Coa axuda de calibres aprenderon a medir o tamaño mínimo das diferentes especies e a importancia de cumprilo e respectalo.
  • Coñeceron as diferentes artes de pesca e, empregando unha lona dun fondo mariño, descubriron o hábitat de cada especie .
  •  Recoñeceron a frescura dun peixe e simularon unha poxa...

 Para rematar tiveron unha pequena explicación das propiedades nutricionais do peixe, e se lle entregou a cada neno e nena unha bolsiña con preparacións realizadas a base de peixe.






mércores, 29 de setembro de 2021

XORNADAS DEPORTIVAS: INTRODUCCIÓN AO RUGBY

Neste comezo de curso, estiveron con nós Carla da Silva, adestradora do Club de Rugby Fendetestas e Joel Carballeira. 

Levaron a cabo unhas  divertidas sesións de  promoción  e introdución ao RUGBY  para 1º e 2º de ESO.

Grazas Carla e Joel !!!  Foi un privilexio contar con vós e descubrir un pouquiño mellor os segredos que encerra este fermoso deporte.



luns, 28 de xuño de 2021

RECREOS ACTIVOS E DINÁMICOS

Neste curso estamos a estrear algunhas zonas e recunchos para mellorar o nosos espazos e tempos de lecer.
O obxectivo é o preparar os epazos co fin de que o alumnado teña diferentes alternativas para realizar xogos e exercicios nos tempos libres. Deste xeito completamos con variedade de deportes a actividade física que inicialmente tan só se reducía á milla diaria.







 

sábado, 26 de xuño de 2021

MILLA DIARIA


 Como unha boa alimentación debe ir acompañada dun bo exercicio, comezamos a retomar a nosa milla diaria durante os recreos, o cal nos recorda que iso de "mente sá en corpo sá".