A primeira parada foi na Escola da Capela, musealizada para dar a coñecer como sería un centro de ensino rural nos anos 40 do pasado século. Da man de Secundino, antigo director do actual CEIP Mosteiro de Caaveiro na Capela , aprenderon que pizarras e pizarríns, pluma e tinteiro ou o cabás, figurarían entre o material que usaban os bisavós e bisavoas do alumnado, se é que foron á escola, nunha época na que o analfabetismo aínda era moi alto.
Despois fomos andando ata o museo etnográfico do Pazo, onde viron unha casa tradicional con todo o necesario para ser, no posible, autosuficiente: o procesado dos alimentos, a obtención de tecidos, a ferrería,..
Por último, na compaña de Roberto Hermida, biólogo e experto en morcegos, baixamos ao Mosteiro de Caaveiro, observando a riqueza do medio natural que fai das Fragas o mellor bosque atlántico de Europa, e que temos que axudar a conservar para podelo seguir desfrutando.
ROTEIRO MATEMÁTICO
O luns 10 de xuño, o alumnado de
3ºESO gozou dunha mañá especial, na que as clases saíron de paseo.
Os departamentos de Matemáticas, Educación Física e Bioloxía xuntáronse
para deseñar unha actividade na que se mesturaron todas as materias.
O roteiro, duns 7 quilómetros, comezou coa saída do instituto ata a famosa
Ponte de García Rodríguez (ou dos Ferros).
Alí comezou o traballo matemático, no que a rapazada, armada de móbiles
e cinta métrica, tivo que calcular a superficie empedrada na ponte ou o peso
dos bancos de pedra da praza da igrexa.
A ruta seguiu despois a carón do Muíño de Alende ata a Fraga de dona Rita e
a estatua de Rivera Corral, coñecendo datos curiosos da vila.
Logo fixeron un paseo relaxante ata o encoro da Ribeira, e despois de cruzar á outra beira do río
comezou a observación do medio natural.
E, mentres camiñaban, examinaban a contorna para completar un divertido
bingo na Canle IV no que debían usar os seus sentidos para buscar plantas
aromáticas, animais predadores e moito máis...